Exnovios

Responsables xunto a bandas como “Las Kasettes”, “ Kokoshca” ou “Melenas” do rexurdir da escena pamplonesa nos últimos anos, “Exnovios” nacían fai uns 3 anos á calor do Nébula, ao que consideran “o mellor bar do mundo” e que tamén dá nome ao selo que edita o seu último disco, “Amor Droga”.

A proposta do cuarteto navarro fai un exercicio de malabares xogando co son reverberado de bandas como Brian Jonestown Massacre ou Spiritualized no que atopan acomodo melodías que evocan ao pop ibérico dos 60. Por iso é que titular a unha das súas cancións “Como Anduriña” teña moito de guiño e pouco de casualidade.

“Llévame a casa” é unha desas composicións de enganche inmediato, das que che custará tempo sacar da túa cabeza. Ao seu lado, outras como “Buscando un hogar” pide varias escoitas para chegar ao fondo dos seus máis de 7 minutos. En calquera caso, en ambos rexistros “Amor Droga” resulta igual de adictivo.

Hotel Costa Vella | Mércores 18/07/2017 – 21:00h